Dous bronces estatais consolidan o Dousxsetenta entre a elite da base do tiro con arco español

Nico Soto e Iago Rellán, protagonistas no Campionato de España de Tiro con Arco

O Club de Tiro con Arco Dousxsetenta regresou do Campionato de España en Sala, celebrado en Valladolid, cun balance altamente positivo: dúas medallas de bronce por equipos na categoría U15 e unha sólida presenza competitiva nas probas individuais, confirmando o bo momento da súa canteira a nivel estatal.

Medalla de bronce por equipos U15

Galicia e Vimainzo no podio do Campionato de España de Tiro con Arco

O maior éxito chegou na competición por equipos masculinos U15, onde Galicia acadou a medalla de bronce grazas á actuación conxunta de Nico Soto e Yago Rellán (Dousxsetenta), xunto con Alberto Sobrado (Club Boa Vila).

O combinado galego iniciou as eliminatorias superando a Castela e León en cuartos de final. Xa en semifinais, Galicia caeu fronte a Baleares, accedendo así á loita polo terceiro posto. Na final polo bronce, o equipo impúxose a Andalucía —por segundo ano consecutivo— asegurando así o terceiro chanzo do podio nacional e confirmando a competitividade do bloque galego nun escenario de máximo nivel.

Actuación individual destacada

No apartado individual, Nico Soto completou unha competición de alto nivel. Tras mellorar a súa marca persoal no round clasificatorio con 505 puntos, avanzou nas eliminatorias superando en dezaseisavos de final a Samuel Cort (Valencia) e posteriormente a Víctor López (Baleares). A súa participación concluíu en cuartos de final fronte a Jorge Carrasco (Madrid), quen acabaría proclamándose terceiro clasificado do campionato. Con este percorrido, Nico conseguiu situarse entre os oito mellores arqueiros de España na categoría U15, confirmando o seu excelente momento deportivo.

Pola súa banda, Yago Rellán competiu nun cadro eliminatorio de gran esixencia. Enfrontouse en dezaseisavos de final a Elías García (Madrid), quen finalmente se proclamaría subcampión de España. A eliminatoria resolveuse na frecha de desempate tras rematar empatados a cinco puntos, nun dos encontros máis axustados da categoría. Yago suma así a súa segunda medalla consecutiva nun Campionato de España.

Presenza no Campionato Absoluto

Víctor Santos e Manuel Soto no Campionato

A representación do club completouse coa participación de Manuel Soto no Campionato de España absoluto. Na súa primeira experiencia nunha cita estatal desta categoría, cumpriu os obxectivos previstos e pechou unha actuación que reforza a progresión do arqueiro e do proxecto deportivo da entidade.

Desde o club subliñan o traballo desenvolvido ao longo da tempada, así como o apoio recibido durante a competición por parte de compañeiros e familias, factores que contribúen ao crecemento e consolidación do Dousxsetenta no panorama estatal.

A entidade quere agradecer expresamente o apoio do Concello de Vimianzo e de Gerca, que contribúen ao desenvolvemento da súa actividade deportiva.