A Faguía de Carnés e o Asalto ao Castelo á feira Festur

Posto preparado do Concello de Vimianzo na Festur

O Concello de Vimianzo participa un ano máis en FESTUR, a Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia, que se celebra do 4 ao 7 de xuño no marco de Turexpo Galicia, na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda.

Este encontro constitúe unha excelente oportunidade para dar a coñecer as festas, tradicións e recursos turísticos do municipio, así como a súa riqueza patrimonial, cultural e paisaxística. Ao longo dos catro días de feira, Vimianzo contará cun espazo propio desde o que se ofrecerá atención personalizada ás persoas visitantes, material promocional, paneis informativos e contidos audiovisuais cos principais atractivos do concello.

Baixo o lema “Vimianzo, empeza a túa conquista”, o municipio preséntase como un destino que combina historia, cultura, natureza, gastronomía e tradición, convidando a descubrir unha terra con identidade propia no corazón da Costa da Morte.

Un dos eixes centrais da participación de Vimianzo en FESTUR será a promoción das súas dúas festas de interese turístico de Galicia: o Asalto ao Castelo e a Faguía de San Cristovo de Carnés, celebracións que representan dúas das manifestacións festivas máis singulares e recoñecidas do municipio.

A gastronomía terá tamén un papel protagonista o venres 5 de xuño, coa celebración dun showcooking a cargo do recoñecido cociñeiro Fabián Mouzo, quen elaborará dúas propostas vinculadas a estas celebracións.

Por unha banda, presentará a receita tradicional dos Callos da Faguía de San Cristovo de Carnés, un dos pratos máis emblemáticos da gastronomía popular da comarca e símbolo dunha festa que cada ano congrega milleiros de persoas arredor dunha tradición con fondas raíces na parroquia de Carnés.

Por outra, elaborará o Atún Alba Irmandiña, unha creación inspirada na gastronomía medieval e na época da Revolta Irmandiña. Esta proposta parte dunha realidade histórica documentada na segunda metade do século XV, cando o atún era abundante nas costas galegas e constituía unha importante fonte de alimento para a poboación.

O termo alba fai referencia á cor branca da salsa que acompaña a elaboración, confeccionada con améndoas, azafrán e canela, ingredientes presentes na cociña medieval e especialmente apreciados nos banquetes e celebracións das clases nobres da época. A proposta consiste nunha tosta de allo con atún vermello e salsa alba de améndoas, azafrán e canela, unha reinterpretación contemporánea que conecta os produtos do mar co legado histórico do territorio e coa ambientación medieval que caracteriza o Asalto ao Castelo.


A través destas degustacións, Vimianzo amosará ao público visitante unha parte esencial da súa identidade, na que historia, tradición e gastronomía conforman unha experiencia única e diferenciada.

Con esta participación en FESTUR 2026, o Concello continúa reforzando a promoción turística do municipio, poñendo en valor os seus recursos patrimoniais, culturais e festivos como elementos clave para o desenvolvemento do territorio e a atracción de visitantes.