O FEM 25 comezou unha nova semana em clave medioambiental

Virxinia Barros no CEIP de Vimianzo no marco do FEM 2025-Foto-Marcos Boedo

Trala inauguración do proxecto o pasado venres en Dumbría, a programación do Festival Escena Muller FEM 2025 continúa esta semana coa posta en marcha de novas actividades escénicas, educativas e comunitarias nos concellos de Vimianzo, Dumbría e Camariñas, consolidando unha edición comprometida coa igualdade, o coidado e a memoria activa das mulleres da Costa da Morte.

O FEM 2025, impulsado pola compañía aAntena Teatro e apoiado pola Deputación da Coruña, reforza así a súa presenza territorial cun programa descentralizado e transversal, que combina artes escénicas, educación e participación comunitaria desde unha mirada igualitaria.

Nenos de Vimianzo no FEM 2025-Foto-Marcos Boedo

O programa comezaba este luns cunha charla interactiva sobre conciencia medioambiental e lixo mariño, dirixida ao alumnado do CEIP San Vicenzo de Vimianzo. Foi Virxinia Barros, presidenta da Asociación Mar de Fábula, a que traslado o eixo de responsabilidade medioambiental do festival á rapazada vimiancesa.

As incribles criaturas creadas coas crebas atopadas nas limpezas de praias acompañaron a Barros na sesión, provocando que a atención das criaturas non se desviase en ningún momento.

No CEIP de Vimianzo-Foto-Marcos Boedo

Mási actividades

A semana de actividades continúa afondado na importancia da creación en feminino, a memoria das mulleres e a cultura como ferramenta de transformación social.

Estes martes 14, mércores 15 e xoves 16 de outubro comezan as sesións do obradoiro Tecendo fíos femininos, conducido pola educadora social Noelia Darriba, que terá lugar en diferentes parroquias dos tres concellos participantes. Trátase dunha proposta de creación colectiva e transmisión interxeracional centrada nos coidados, a sororidade e a expresión artística das mulleres.

Para o venres 17 de outubro, desenvolverase en Dumbría, na Casa da Cultura de Berdeogas ás 20:00, a acción festiva “Bailen as vellas!”, protagonizada por Vero Rilo e Atenea García, un convite interxeracional á festa, á palabra e á reivindicación dos corpos e saberes das mulleres maiores.

A actividade trasládase o sábado 18 de outubro a Camelle. A creadora Iria Sobrado presenta O Estado Cru, unha acción escénica no Museo do Alemán que aborda os vínculos entre corpo, territorio e liberdade.

Xa o domingo 19 de outubro, Pecha a semana en Vimianzo a obra “O que eu verdadeiramente sempre quixen foi ser delgada”, de Butaca Zero, escrita e protagonizada por Esther F. Carrodeguas, cunha posta en escena potente e directa sobre o mandato social estético e a identidade.