O festival Atlántica aterriza Vimianzo
O XIII Festival Atlántica chega por primeira vez a Vimianzo cunha programación que mestura historia, tradición oral e espírito rebelde en tres propostas gratuítas pensadas para todos os públicos. O Castro das Barreiras e o Castelo —dous espazos cargados de simbolismo— son os escenarios elexidos. Deste xeito, Vimianzo intégrase na ruta do Festival Atlántica, comprometéndose coa cultura oral e a posta en valor do patrimonio a través das historias que nos conectan.
O festival arrincou onte domingo, ás 19:30 horas no Castro das Barreiras, cunha visita guiada especial a cargo do arqueólogo e divulgador Ángel Concheiro, tamén coñecido como Tito Concheiro, quen achegará ao público adulto os segredos e a historia deste importante xacemento da Idade do Ferro, un dos mellor conservados da Costa da Morte. A actividade permitirá coñecer de preto os últimos achados e interpretacións sobre este antigo poboado fortificado, descubrindo a súa complexidade, arquitectura e relevancia histórica. Un convite a pisar sobre as pegadas da historia, a escoitar o que nos contan as pedras e a deixar que o pasado nos fale con voz nova desde o corazón da terra.
Cándido Pazó: historias para rir, lembrar e vivir
A continuación, ás 20:30 horas, tamén no castro, o recoñecido actor e narrador Cándido Pazó presentou Contar para vivilo, unha sesión para público adulto chea de humor, emoción e memoria. Co seu estilo inconfundible, Pazó ofrecerá historias e parrafadas que viaxan no tempo e nos levan de volta ás xentes e lugares doutrora.
Durante sesenta minutos, Pazó despregou o seu inconfundible estilo nunha viaxe feita só de palabras: contos, lerias e parrafadas que transitan por outros tempos, outras xentes e outros mundos, pero que falan directamente ás preocupacións e alegrías do presente. Un espectáculo que mestura retranca e tenrura, e no que o escenario se transforma nun lugar de encontro co vivido e co imaxinado. Porque quen sabe contar, fai que queiramos seguir escoitando. E quen escoita, vive dúas veces.
Pepa a Loba: aventuras, misterio e igualdade dende o corazón do conto
A programación completarase o mércores 2 de xullo ás 11:00 horas no Castelo de Vimianzo coa función Procúrase Pepa a Loba, da narradora Cris Collazo, unha proposta para crianzas a partir dos 5 anos —aberta tamén ao público xeral— na que a lenda da famosa bandoleira galega se transforma nun contacontos participativo con música, danza e moito misterio. A actividade forma parte tamén do campamento de verán da vila.
A historia lévanos ata o ano 1890, xusto no día da inauguración da taberna da mítica Pepa a Loba, figura rebelde e lendaria da tradición galega. A súa extravagante gavela —formada por Xan Quinto “o vello”, Maninocente e mesmo Calamity Jane— celebra a ocasión, mais algo se agocha nas sombras: un tesouro perdido que só Pepa coñece… e que precisa da axuda do público para atopar.
A narradora Cris Collazo ofrece un contacontos dinámico e divertido, no que se reivindica a amizade, a aventura compartida e a igualdade de xénero, todo nun entorno que convida a soñar e a xogar coa historia. Un convite para cativar a pequenos e grandes cunha heroína pouco convencional e moitas ganas de facer rebulir a imaxinación.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Vimianzo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao patrocinio do Concello da vila. Vimianzo forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Santiago e Teo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos respectivos concellos e á colaboración do Museo do Pobo Galego, da A.C. O Galo e do CSC A Rocha. Santiago e Teo forma parte das 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.