O festival Vimianzo M.O.L.A. afianza as súas raíces e pensa na seguinte edición
Pechábase esta pasada fin de semana o ambicioso programa do festival Vimianzo M.O.L.A. (Murais, Oralidade, Literatura e Artes). O Castelo irmandiño vestíase de gala para a finde principal da primeira edición desta diversa cita cultural, que nace con vocación de continuidade, como unha proposta cultural que aposta pola creación colectiva, o espazo público como lugar de encontro e a cultura como ferramenta de transformación.
Dende o Concello valoran a excelente acollida por parte do público desta programación de especial calidade, que encheu durante dúas semanas os espazos públicos da vila, especialmente o Castelo de Vimianzo, de cultura, libros, música, narración oral, teatro e arte urbana.
As xornadas tiveron momentos moi emotivos, como a charla de Manuel Rivas, que afondou na sensación de chegar ás súas raíces que lle traslada a aldea soneirá de Urroa.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, amosou a súa satisfacción polo resultado desta primeira edición, agradecendo o apoio das institucións colaboradoras, dende o Ministerio de Cultura, a Deputación da Coruña, especialmente ao vicepresidente Xosé Regueira ata a área de Turismo, así como o esforzo de todo o equipo municipal e do tecido cultural local. Destacou tamén a boa acollida por parte das librarías e, sobre todo, o entusiasmo do público: “Ver Vimianzo cheo de vida e de cultura foi un orgullo. Isto non sería posible sen o traballo en equipo nin o apoio da xente”. Polo Castelo de Vimianzo pasaron estes días grandes nomes das nosas letras, como Manuel Rivas, Ledicia Costas, Patricia Blanco, Pedro Feijoo, Alberto Mancebo ou Rebeca Stones, e tamén de fóra, como Pablo Rivero ou Amets Arzallus.
Desde o Concello xa se traballa na preparación dunha segunda edición do festival, co obxectivo de consolidar esta cita como unha referencia cultural no calendario galego que, nesta primeira edición, contou con máis de 500 asistentes. O Castelo de Vimianzo seguirá sendo o epicentro dun evento que busca achegar a cultura a toda a cidadanía e poñer en valor os espazos patrimoniais como escenarios vivos.
Aínda que o groso da programación rematou esta fin de semana, o festival continuará oficialmente ata o 11 de setembro, cando se celebrará unha función especial da obra Castelao, da compañía Culturactiva Producións, dirixida a centros escolares.
Ademais, os dous murais XXL pendentes de execución, en Bamiro e no centro da vila, levaranse a cabo nas próximas semanas, en canto as condicións meteorolóxicas o permitan. O Concello anunciará as novas datas a través das súas canles oficiais.