Fundada a singular Gran Orde Gastronómica Enolóxica Vía Céltica de Ponte do Porto

Este pasado mércores, tivo lugar nas torres de Cereixo a celebración do capítulo fundacional da Gran Orde Gastronómica Enolóxica Vía Céltica de Ponte do Porto. O acto inaugural desta nova confraría gastronómica estivo presidido polo decano Óscar Santos e María Silva, en presenza de Rafael Lema e actuando como padriños Javier Lado e Puri Lema.

Tras a lectura da acta de fundación procedeuse ao auto de Investidura dos cabaleiros da orde que forman o primeiro cabido. Os confrades acordaron varias actividades ao longo do curso:

  • A convocatoria dunha cea anual de promoción dos produtos do mar da ría de Camariñas,
  • A peregrinación anual ao santuario da Barca de Muxía.
  • A defensa dos camiños xacobeos que saen desta ría, especialmente desde os portos xacobeos de Cereixo e Ponte do Porto pola Vía Céltica.

Tras a ratificación dos estatutos e a firma da acta, os novos cabaleiros confrades realizaron a foto das Espadas, ofrenda con aceiros toledanos en honra ao rei viaxeiro e construtor de pontes Alfonso IX en recordo da súa visita a Cereixo en 1228. Tras a cerimonia celebrouse un ágape na Tavernetta.