Os maiores toman o protagonismo na Semana Sénior de Vimianzo
Onte deu comezo a Semana Sénior en Vimianzo. Unha cita enmarcada no Plan de loita contra a soidade non desexada e o illamento social ‘Conectando Corazóns’, que, como sinalou a concelleira de Benestar Social, María José Pose, serve para “homenaxear a todas as persoas maiores no seu día, ao mesmo tempo que as conectamos coas xeracións máis novas”. Destacou que esta é “unha boa maneira de que, a pesar da idade que as separa, as persoas estean conectadas entre elas, aprendendo de maneira mutua e facendo fronte, de maneira paralela, á soidade non desexada, que é un dos grandes retos da sociedade”.
A programación arincou cunha mesa redonda baixo o título 'Conectando corazóns', moderada pola xornalista Patricia Blanco e dirixida ao alumnado do ciclo medio e superior do IES Terra de Soneira.
Participaron a concelleira de Benestar Social, María José Pose; o psicólogo municipal, Sergio Trillo; a traballadora social e coordinadora do departamento de Servizos Sociais, Sandra Abeijón; o director e xerente dos centros auditivos OE+, enfermeiro e xerontólogo, Lucas Fernández; e a veciña de Carnés María Barrientos Lema.
Máis actividades
O programa continuará o xoves, 2 de outubro, de 17:00 a 19:00 horas, cunha conferencia na Casa da Cultura titulada ‘Saúde, soidade e envellecemento’, impartida por Miguel Ángel Vázquez, doutor en Medicina e profesor na Universidade de Vigo, e César Bugallo, doutor en Xerontoloxía e profesor na Universidade de Santiago de Compostela.
Ademais, o martes 30 de setembro e o venres 3 de outubro, levaranse a cabo videoconferencias interxeneracionais entre o alumnado do IES Terra de Soneira e as persoas usuarias do Plan de loita contra a soidade non desexada e o illamento social. Trátase dunha experiencia innovadora que busca conectar xeracións a través das novas tecnoloxías, favorecendo a aprendizaxe mutua e o respecto.