Máis de 1.000 prazas para as actividades municipais do curso en Vimianzo
O Concello de Vimianzo abriu o proceso de licitación para a prestación do servizo das diferentes actividades e escolas deportivas que se desenvolverán en distintos puntos do municipio, así como da actividade cultural da escola de teatro que terá lugar no Auditorio.
O contrato das escolas deportivas conta cun orzamento base de 93.937,33 euros e a duración será dun ano, a contar desde o día seguinte á formalización, con posibilidade de tres prórrogas máis. As empresas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 15 de setembro.
As actividades previstas inclúen fútbol sala, patinaxe artística, tenis de mesa, tiro con arco, taekwondo, atletismo, pequemotricidade, multideporte, aerobic e actividades físicas para maiores.
En total, as actividades deportivas suporán 1.961 horas anuais de exercicio e aprendizaxe.
A empresa adxudicataria asumirá tarefas como a docencia e coordinación das actividades, coordinación e supervisión, seguimento individual e grupal dos participantes, etc.
Escola cultural de teatro
En paralelo, o Concello tamén sacou a licitación o servizo da escola cultural de teatro, que forma parte da programación cultural municipal e ten como finalidade ofrecer un espazo educativo e de lecer para as persoas participantes.
O orzamento base de licitación ascende a contía máxima de 22.887,98€ e o contrato terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de tres prórrogas dun ano cada unha.
As actividades desenvolveranse no Auditorio de Vimianzo entre os meses de outubro e maio, en grupos infantís (a partir de 5 anos) e para persoas adultas, cun total estimado de 360 horas de formación.
Investimento municipal en actividades culturais
Ademais da escola de teatro, o Concello mantén outras iniciativas culturais xa adxudicadas: por un lado as escolas de arte e panillo, cun custe de 22.869 euros, e as escolas culturais, nas que se inclúen as clases de música contemporánea e tradicional, baile e competencias dixitais, que supoñen un investimento anual de 39.928 euros.
Deste xeito, o investimento municipal en actividades culturais ascende a 85.684 euros, que sumados aos 93.937 euros das escolas deportivas supoñen un total de 179.621 euros destinados a servizos de formación para a veciñanza, sumando máis de 1000 prazas entre todas as actividades ofertadas.
As taxas de participación son de 5 euros ao mes por unha hora semanal e 10 euros ao mes por dúas horas semanais. Realizarase un desconto do 25% ás persoas xubiladas (65 anos ou máis); ao pack familiar (para máis de dúas actividades por unidade familiar); para aquelas persoas que estean inscritas en máis de dúas actividades e ás familias numerosas, para o que se deberá presentar o título oficial. Os descontos non son acumulables.
Os pagos poderanse facer nun ingreso único antes do inicio da actividade ou por domiciliación bancaria, pagando de maneira mensual a actividade. Está previsto que as actividades dean comezo o 6 de outubro e que as preinscricións poidan realizarse a partir do 12 de setembro.
Desde o Concello resaltan o “compromiso total coa formación deportiva e cultural no noso municipio, como mostra a ampla oferta coa que contamos ano tras ano”.