Manel Cráneo achega as súas viñetas a Vimianzo

Manuel Cráneo

Interesante a visita deste vindeiro venres ás 20:00 á Casa da Cultura de Vimianzo. Un encontro aberto a todos os públicos co debuxante, guionista e editor Manel Cráneo. Esta charla supón o broche final ás actividades que acompañaron á exposición Vimianzo en Viñetas, nun mes no que a banda deseñada foi protagonista na biblioteca municipal, o Concello amosa unha vez máis o seu compromiso e apoio á cultura galega a través do fomento da lectura e a difusión das diferentes artes.

Vimianzo en Viñetas é froito da colaboración entre o Concello de Vimianzo e o Concello da Coruña, quen organiza desde hai 20 anos o Festival Internacional Viñetas desde o Atlántico dirixido por Miguelanxo Prado.

A exposición, que poderá visitarse até o 1 de marzo, componse dunhas 80 obras dos artistas nacionais e internacionais convidados durante a pasada edición, como os artistas canadenses Cameron Stewart ou Julie Rocheleau. Un lugar destacado está dedicado aos autores galegos como Fran Jaraba, Alex Cal, Víctor Rivas, Fran Bueno ou Jano. Un conxunto de creadores que demostran co seu traballo a excelente calidade e proxección do cómic feito en Galicia.

Cráneo

Manel Cráneo é un dos mellores embaixadores da banda deseñada galega. Autor de numerosas obras premiadas e recoñecidas como Os lobos de Moeche (2009) ou Destino Hërgüss (2015), é o principal responsable do selo editorial Demo. Traballador incansable e gran comunicador, na charla que impartirá o venres 23 de febreiro ás 20:00 na sala de conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo, debuxará neste caso o panorama da Banda Deseñada galega, os seus retos e as claves para gozar desta particular linguaxe que é o cómic.

Fonte

  • Vimianzo.