Rock e maxia para a Semana da Bibliotecas de Vimianzo
O Concello de Vimianzo conmemora a Semana da Biblioteca Municipal cunha programación especial dirixida á cativada dos centros educativos co obxectivo de fomentar a lectura e a creatividade desde as idades máis temperás. As actividades, que terán lugar o 22 e o 24 de outubro, enmárcanse na celebración do Día da Biblioteca (24 de outubro) e están subvencionadas polo programa de animación á lectura ‘Ler conta moito’ da Xunta de Galicia.
Trátase de dúas propostas pensadas para diferentes idades e que convidan aos pequenos e pequenas a desenvolver toda a súa imaxinación.
O mércores 22 de outubro, ás 10:30 horas, será a quenda de Pakolas co espectáculo musical ‘A Ramona pequena vai á lúa’, unha divertida viaxe rockeira na que o público acompañará a Ramona dende os seus pensamentos ata a lúa. A actividade está dirixida ao alumnado de infantil do CEIP San Vicenzo e da E.E.I. de Carantoña.
O venres, día 24, tamén ás 10:30 horas, a maxia tomará o relevo da man de Dani García, que presentará ‘Maxia entre liñas’, un espectáculo no que os libros e as historias son ferramentas para sorprender e ilusionar. Esta actividade está dirixida ao alumnado de primaria do CEIP San Vicenzo.