O Castelo de Vimianzo acolle novas exposicións de encaixe e liño
Despois dos exitosos obradoiros de palillo, fía do liño e oleiría, o Castelo de Vimianzo vístese de novo de gala para recibir a milleiros de visitantes.
E o fai acollendo novas exposicións de encaixe e liño, que se suman as organizadas polos artesáns nas últimas semanas. Durante este mes de outubro pódese contemplar unha mostra da Asociación de Pallilleiras As Nemanquiñas sobre a puntilla denominada A Simona, un traballo moi común na zona que naceu en Vimianzo, e que debe o seu nome a súa creadora. A exposición atópase na segunda planta do castelo, no lugar de traballo das palilleiras. Chales, panos, abanicos e ata un traxe de bautizo son algúns dos traballos de encaixe que se poden contemplar.
O domingo 12 de outubro tamén comezou outra exposición de pezas de liño da Asociación O Santiaguiño de Carreira, que se poderá contemplar na primeira planta. Trátase dunha mostra de pezas antigas de todo tipo, como roupa de cama, mantelería, alfombras, chales e outras prendas. A mostra poderase visitar entre os días 12 e o 26 de outubro, no horario habitual do castelo, e a entrada será gratuita.
Nestes momentos na antiga cociña do castelo tamén continúa aberta a exposición de Amigos do Liño, con traxes que participaron no certame Antonio Fraguas da Deputación; e outra de pezas antigas de olería de Buño, de Fernando Cambón.
Até finais de ano continuarán desenvolvéndose distintas actividades na fortaleza, dentro do programa de actos que realiza o Concello co fin de promocionar este lugar e os traballos artesanais que alí se realizan.
Xuntanza de Palilleiras
Ademais, as Nemanquiñas arman xa a VIII Xuntanza de Palilleiras para o vindeiro 8 de novembro no Pavillón Municipal de Vimianzo.
Poden reservar no 678 46 05 43.
Novas relacionadas
- Recunchos da Costa: Castelo de Vimianzo.
- A Simona puxo a palillar a todo Vimianzo no Castelo.
- O liño mantén vivo o Castelo de Vimianzo.
- O Oleiro Fernando Cambón inaugurou os obradoiros artesanais do Castelo de Vimianzo.
- Máis de 30.000 visitas aos 5 edificios históricos da Costa da Morte.
- Oleiría e Liño abren en setembro o calendario de exposicións e actividades no Castelo de Vimianzo.
- Os artesáns do Museo de Artesanía en vivo do Castelo de Vimianzo.