Os concellos de Zas e Vimianzo rexeitan o proxecto mineiro Isabela II

Manuel Muíño, alcalde de Zas, informou á vecinanza sobre o proxecto mineiro Isabela II Os concellos de Zas e de Vimianzo veñen de presentar as súas alegacións contra o proxecto de explotación mineira Isabela II sumándose así ás 17 organizacións que lanzaban a voz de alarma sobre este plan especulativo. "De momento tan só hai aprobado un estudo dos terreos o cal non quere dicir que vaian a vir mañá xa coas máquinas" explicou Manuel Muíño, alcalde de Zas, durante unha reunión que mantivo o pasado sábado cos veciños e veciñas e á que tamén acudiron representantes de asociacións culturais e veciñais do concello, así como membros dos movementos ambientais Contramínate, Petón do Lobo, ou a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, que explicou a experiencia da loita de Corcoesto sinalando que a fase de exploración é unha primeira fase e foi na que se logrou paralizar o proxecto. En total asistiron máis de cen persoas que dan mostra da preocupación da cidadanía por este proxecto megamineiro. Así que o concello zasense, ademais anunciar que presentara as súas propias alegacións en contra do Isabela II, ofreciu asesoramento aos afectados co fin de que presenten a título individual os seus propios motivos polos cales rexeitan proxecto. Neste punto tamén ofreceron a colaboración os membros de Contramítate e instaron aos presentes a facer canto antes as alegacións xa que o próximo venres, 19 de febreiro, remata o prazo para presentalas. Actividades destructivas
Zona da parroquia vimiancesa de Bamiro afectada polo proxecto mineiro Isabela II Pola súa banda, o concello de Vimianzo, que está afectado por menos do 1% do total da superficie que se pretende investigar, presentou onte as súas alegacións en contra do permiso de investigación mineira que a Xunta lle concedeu a unha empresa con sede en Madrid. O alcalde vimiancés, Manuel Antelo, lamenta que os recursos que se destinan para actividades destructivas non se destinen a dinamizar a economía local: rebaixar o prezo do solo empresarial, fomentar o comercio e os servizos e apoiar as actividades primarias coma a forestal e, sobre todo, a vinculada ao sector leiteiro. "As actividades mineiras son incompatibles coas normas de planeamento do municipio e coa mesma LOUGA" indican dende o concello de Vimianzo. Na parroquia de Bamiro a solicitude comprende terreos clasificados como Solo rústico de protección forestal e Solo rústico de protección das augas. Na parroquia de Treos comprende Solo rústico de protección forestal, Solo rústico de protección agropecuaria e Solo rústico de protección das augas. Na mesma parroquia de Treos, na aldea de Treviño, a solicitude comprende terreos cualificados como Núcleo rural común. No Solo rústico de protección de augas non está permitida a actividade mineira. No resto de Solo rústico de especial protección a LOUGA prevé como condición necesaria a aprobación dun Plan sectorial da minaría que na actualidade non existe.  

Novas relacionadas

Fonte 
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)