Os maiores de Vimianzo disfrutan coñecendo o norte peninsular
Que importante é saír e ver mundo. Aínda que sexa unha vez pasados os 55 anos. E nesa están un centenar de maiores de Vimianzo que andan coa Concelleira de Benestar Social, Mª Xosé Ramos polo norte peninsular.
O martes ben cedo saían de Vimianzo os dous autobuses que levan a expedición vimiancesa cara a terras do Cantábrico. A primeira parada fixérona en Xixón, onde á parte de degustar a exquisita gastronomía, tiveron ocasión de realizar unha visita pola fermosa cidade asturiana, antes de continuar camiño cara ao punto de destino: Santander. Alí, ao pé da praia de El Sardinero están aloxados ata esta noite. A mañá do mércores visitaron a capital cántabra. Unha guía local acompañou a expedición nun percorrido pola cidade, e pola fermosa Península da Magadalena, con visita incluída ao espectacular Palacio. Pola tarde collerían o autobús para desprazarse á vila máis turística de Cantabria, Santillana del Mar onde, logo de atender as explicacións da guía na Colexiata tiveron ocasión de pasear ao seu antollo polas empredradas rúas da vila.
O xoves comezou cunha visita a unha das grandes marabillas da xeoloxía, as Cuevas do Soplao, unha fermosa visita a un impresionante xacemento de extracción de ámbar, do que traerán un inolvidable recordo. Rematada a visita tocará facer parada ne vila mariñeira de San Vicente de La Barquera e pola tarde pasearán pola fermosa vila de Comillas realizarán unha visita guiada ao impresionante Capricho de Gaudí. E volta ao hotel santanderino para pasar a última noite, ben seguro aproveitada cunha habitual sesión de baile. O venres o grupo parte cara a terras vascas, pero farán un alto no camiño na vila de Laredo, onde estes días se celebra a festa de Desembarco de Carlos V, que impregna a vila dun ambiente medieval con múltiples actuacións polas empinadas rúas cunha gran festa na que os nosos excursionistas poderán gozar durante todo o día, antes de continuar camiño cara ao último destino: a gran cidade de Bilbao. Nesta cidade pasarán a última noite en terra, xa que o sábado, logo de relaizar un tour guiado polos prinicipais atractivos turísticos da cidade abandonarán o autobús no porto.
O gran cruceiro Empress de Pullmantur será quen traerá de volta aos nosos viaxeiros ata o porto da Coruña. No barco poderán gozar de todas as atraccións que ofrecen os grandes cruceiros e dunha inesquecible noite a bordo. O domingo pola mañá, o autobús recollerá os pasaxeiros de novo no porto da Coruña e, para que cheguen a Vimianzo relaxados logo dunha noite en alta mar, gozarán dunha xornada de termalismo na Casa da Auga ao pé da praia de Riazor.
Novas relacionadas
- Camariñas, Vimianzo e Zas compartirán un Obradoiro de Emprego.
- Os maiores de Vimianzo gozan dos beneficios termais.