Rematadas as obras da estrada Caxadas-Baíñas, que contou cun investimento de 1,6 millóns

  • O remate das obras da DP-9203 supón “un antes e un despois” na seguridade viaria de Vimianzo

Unha comitiva institucional estreaba onte a mellora da estrada provincial DP-9203 que une Caxadas a Baíñas, no Concello de Vimianzo. Unha obra desenvolta pola Deputación que contou con 1,6 millóns de euros, e que serve para mellorar a segurudade.
A intervención permitiu a construción dunha senda peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado que presentaba a vía ao seu paso por Padreiro de Abaixo, con curvas perigosas que poñían en risco a seguridade dos condutores e condutoras. Ademais, esta senda posibilita a mellora do tránsito peonil neste tramo, permitindo aos peóns estar separados da calzada e protexidos dos vehículos que circulen por ela.

Acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ademais dos concelleiros e concelleiras Miguel Ángel Pérez, de Obras; Víctor Muíño, de Medio Rural; Rosa Blanco, de Cultura; Mario Andújar, de Emprego e Formación; María José Pose, de Benestar Social; Josefa Campos, de Terceira Idade e Manuel Pose, de Ornato e Hostalaría, ademais de José Manuel Pequeño, quen fose alcalde de Dumbría e deputado de Vías e Obras, e José Manuel Rodríguez, do Partido Popular de Vimianzo.

Rodríguez, agradeceu ao presidente provincial a súa implicación “no desenvolvemento dunha obra vital para Vimianzo, e nomeadamente para a
veciñanza, que ve como a seguridade desta estrada aumenta de forma substancial”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, salientou que “para nós é un día tan importante como para vós, e quero agradecerlle aos veciños e veciñas o ter que soportar tantos anos de necesidade desta estrada; soportaron despois as obras e agora poden desfrutala de maneira segura”.