Rueda recibirá a unha expedición do Grumir de Vimianzo

O vicepresidente da Xunta de Galicia recibirá ao alcalde de Vimianzo, xunto cos voceiros políticos municipais, o vindeiro xoves día 28 de febreiro. Manuel Antelo recibía a confirmación da entrevista esta mañá mentres os membros do GRUMIR continuaban coa segunda etapa da marcha a pé que remataran onte no lugar de Fontecada (Santa Comba).

Esta iniciativa dos traballadores do Grupo de Intervención Rápida comunicouse no día de onte desde a alcaldía do concello de Vimianzo ao gabinete de vicepresidencia da Xunta de Galicia, xa que unha das finalidades era conseguir que o señor Rueda puxese data á entrevista solicitada para poder coñecer de primeira man os motivos que levan a desmantelar a base de emerxencias de Vimianzo.

Suspensión da marcha

A marcha suspenderase ao rematar a etapa de hoxe, dado o compromiso de que esa entrevista se vaia levar a cabo a vindeira semana; unha entrevista que Manuel Antelo considera primordial para poder recibir unha explicación do señor Rueda ao respecto do novo mapa de emerxencias, xa que “non entendemos como cumprindo Vimianzo todos e cada un dos criterios que a Xunta de Galicia establece para a ubicación das bases de emerxencias -centralidade, experiencia, formación e existencia previa dunha base dotada plenamente dos medios necesarios- se pretende desmantelar a base de Vimianzo, xustificándose na creación dunha nova base en Ponteceso, que non cumpre os nomeados criterios”.

O alcalde de Vimianzo sinala que “no concello valórase enormemente o traballo que o GRUMIR vén realizando desde hai máis de dez anos, non só no noso concello senón en diferentes puntos da Costa da Morte, do mesmo xeito que se valora o compromiso que están demostrando, participando activamente nas diferentes iniciativas que se seguirán levando a cabo, co fin de acadar que Vimianzo non quede excluído do mapa de emerxencias”.

O alcalde espera que o Sr. Vicepresidente reconsidere a decisión de desmantelar o GRUMIR en Vimianzo durante a reunión que se celebrará a vindeira semana. “Alí expoñerei, un por un, os argumentos que defenden a continuidade do GRUMIR, de acordo cos criterios da Xunta, e acompañado dos voceiro municipais”, di o alcalde.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Vimianzo.