A Semana do Libro enche as Bibliotecas de Vimianzo
O Concello de Vimianzo conmemorará o Día do Libro, que se celebra o vindeiro 23 de abril, cunha programación especial na Biblioteca Municipal pensada para achegar a lectura á veciñanza de todas as idades.
Ao abeiro desta celebración, organizaranse diferentes actividades de dinamización lectora que buscan fomentar o hábito da lectura, estimular a imaxinación e converter a biblioteca nun espazo vivo de encontro e participación.
A programación comezará co contacontos “Xa voou… e ti tamén!”, dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 5 anos e impartido por Nuria Amado, que terá lugar o propio 23 de abril ás 17:30 horas.
Ese mesmo día, ás 20:30 horas, celebrarase a presentación do libro “En vésperas de nada”, de José Pardiñas Alvite, escritor vimiancés natural de Treviño, na parroquia de Treos, nun acto aberto ao público que permitirá coñecer de primeira man a obra e o proceso creativo do autor.
Ademais, o Concello neste mes pon en marcha dous clubs de lectura na Biblioteca Municipal.
Por unha banda, un club de lectura infantil, destinado a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que celebrará a súa primeira sesión o mércores 22 de abril ás 17:30 horas.O obxectivo é fomentar o gusto pola lectura desdeidades temperás, promovendo a participación, a imaxinación e o intercambio de ideas.
Por outra, un club de lectura para persoas adultas, que comezará o luns 27 de abril ás 19:00 horas. Este club ten como finalidade promover a biblioteca como un lugar de encontro cultural, así como fomentar a lectura e consolidar o hábito lector entre xs participantes.
Na biblioteca o 28 de abril ás 19:00 horas terá lugar a actividade “Compartindo historias”, un encontro coas persoas maiores no que compartirán lembranzas, experiencias e anécdotas persoais relacionadas coa lectura e coa súa vida. A través da conversa e da escoita activa, crearase un espazo de intercambio interxeracional no que se porá en valor a memoria, a tradición oral e o pracer de contar historias. Ademais elaborarase unha historia colectiva a partir dos relatos das persoas participantes, dando lugar a unha creación común chea de significado.
Como peche da programación,Vimianzo converterase nun punto de encontro coa poesía e o teatro contemporáneo o vindeiro 29 de abril, ás 11:00 horas, coa representación de Poeta (perdido) en Nueva York, da compañía El Aedo Teatro, no Auditorio Municipal. Destinatarios alumnado do instituto e público xeral.
As inscricións para as distintas actividades poderán realizarse na Biblioteca da Casa da Cultura , sendo as prazas limitadas en todos os casos.
Desde o Concello de Vimianzo animan á cidadanía a participar nesta programación especial, que pretende non só celebrar o libro como obxecto cultural, senón tamén reivindicar a lectura como ferramenta de aprendizaxe, creatividade e cohesión social.