O TSXG obriga a unha eólica a pagar a licenza de primeira ocupación para a instalación dun novo parque

greenalia-parque-eolico-minon

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de inadmitir o recurso de casación autonómico presentado pola empresa Greenalia Wind Power Monte Tourado S.L.U. contra o Concello de Vimianzo.

Segundo indican dende o concello, "esta resolución confirma a validez da actuación municipal e recoñece a necesidade de obter licenza de primeira ocupación para a instalación do parque eólico Monte Tourado, así como o abono da taxa asociada á mesma".

A empresa alegaba que a normativa autonómica a eximía de solicitar licenza municipal, pero a sentencia constata que Greenalia solicitou voluntariamente no seu día a licenza de obra, na que xa se advertía da obriga de solicitar a licenza de primeira ocupación unha vez rematados os traballos. O Tribunal conclúe que, deste xeito, a promotora queda vinculada aos seus propios actos, polo que se aplica a doutrina dos actos propios, xa que foi a propia entidade recorrente a que solicitou licenza de obra e, posteriormente, licenza de primeira ocupación, tal como resultaba da normativa de aplicación nesas datas.

Ademais, constátase que non existe contradición coa xurisprudencia presentada, xa que noutros casos non se solicitara a licencia de obra, senón que se optara por unha comunicación previa. A Sala do contencioso- administrativo do TSXG destaca que non existe contradición coa xurisprudencia anterior, xa que noutros casos non se solicitara licenza de obra, senón que se optara por unha comunicación previa. Ademais, o criterio da Sala en materia de interpretación de lexislación autonómica está conformada pola Sección 2ª, que é a especializada en materia urbanística, e cuxas sentencias referenciaban a necesidade de obter a licenza de primeira ocupación.

Polo tanto, o TSXG rexeita a casación e impón as costas á parte recorrente, fixadas nun máximo de 600 euros, e deixa claro que contra esta decisión non cabe recurso. Desde o Concello de Vimianzo trasladaron que esta resolución “é unha boa nova para a defensa do noso territorio. A sentencia confirma que o concello actuou con rigor, responsabilidade e sempre dentro da legalidade”.