Unha estatua pola gran mestra Dona Carme Neira Marcos

Xa ten unha praza no seu nome en Castromil, pero desde a Asociación Neira Marcos, queren adicarlle tamén unha estatua. A entidade vimiancesa, que elixiu o nome na honra desta histórica mestra, seguen espallando o seu legado co gallo do 25 aniversario da súa morte.

"Merece a pena ter presente todo o que podía facer unha mestra cunha pizarra e un pizarrillo e preguntámonos por que hai agora tanto fracaso escolar con todos os medios dos que se dispón na ensinanza. Cando vemos a escola de Castromil tan ben equipada de novas tecnoloxías, pizarras electrónicas, cañón, xoguetes, un montón de libros, ... preguntámonos que faría Dna. Carme se tivera todas esas ferramentas", explican dende a entidade.

Por iso, este vindeiro domingo 9 de decembro, ás 16:00h, terá lugar a Colocación da escultura de Dna. Carmen Neira Marcos en Castromil.

A Vida de Dona Carme Neira Marcos

Dona Carmen Neira Marcos naciu na cidade da Coruña o 29/10/1908, na rúa Príncipe, nº 6. Era filla de Don Antonio Neira Mourín e Dna. Carmen Marcos Pérez. Faleceu no clínico da Rosaleda de Santiago de Compostela o 02/05/1986. Está soterrada no cemiterio parroquial de Santa María de Salto (municipio de Vimianzo).

Foi mestra de profesión, e exerciu cunha grandísima entrega e dedicación. Despois de ocupar prazas en varios lugares (como interina en Cesura e a Coruña, con praza en propiedade en Mañón e Laracha), empezou en Castromil a primeiros de outubro do 1946 e ensinou a varias xeracións, tanto de nenos como de adultos, ata que se xubilou a finais de outubro de 1978. Levou a cabo unha importante labor de alfabetización a persoas maiores.

No ano 1968 concedéuselle a Cruz de Alfonso X “O Sabio”. Esta distinción concédese ás persoas físicas e xurídicas destacadas no campo da educación.

Nos seus primeiros tempos impartía clases a veciños e veciñas dos lugares de Castromil, Careixo, Reparada, Señorans, Torelo, A Costa e A Lagoa. Según ela mesma dicía, chegou a ter 90 alumnos por día, distribuídos en turnos (mañán, tarde e noite). Máis tarde, cando se construíu a escola das nenas xunto á Igrexa de Castromil, tan só tiña por alumnas ás nenas. Don Manuel López, impartía clases ós nenos na antiga escola que había no medio de Castromil. Nos recreos tanto o mestre coma os nenos achegábanse ata o campo e mentras os pequenos xogaban ó fútbol, os docentes conversaban. Cando había nenos difíciles, viñan para xunto de Dna. Carme unha temporada.

A característica da súa forma de ser e ensinar era a universalidade do saber, a claridade de conceptos e a busca da perfección. De feito, o seu alumnado, tanto homes coma mulleres, son recoñecidos pola boa caligrafía e o bo comportamento.

Pero ela non se preocupaba só de que os seus pupilos soubesen escribir ben ou resolver un problema matemático con éxito. As súas eran ensinanzas para a vida. Preocupábase dos bos modais, do saber estar, do saber vestir e andar, do falar, da cultura xeral das xentes de Salto. Cremos que iso deixou unha fonda pegada nas xentes que tiveron a sorte de tela por mestra, e que todo o progreso desta parroquia ten moito que ver coa CULTURA dos seus habitantes. Cando imos de excursión os da Asociación Neira Marcos felicítannos polo saber estar da nosa veciñanza.

Dna. Carme ensinaba a bordar, a ganchillar, a calcetar,… E tamén se ganou o seu recoñecemento como directora de teatro. Estrenábanse as obras o día das “Hijas de María” en Salto. Os pequeniños actores daban o mellor de sí, e o público vívía as historias que representaban no pequeno escenario que se montaba no atrio da igrexa. Aínda lembran os versos que recitaban, os movementos, as posturas, o arranxo dos centros de flores que transportaban e as instruccións de voz alta e clara cara ao público para que todos os oíran ben. Por iso se consideran, as xentes de Salto, competentes para a crítica con fundamento en materia de teatro. E, se cadra, isto ten algo que ver co éxito do grupo de teatro que existe actualmente (Teté Teatro), baixo o amparo das escolas culturais do Concello de Vimianzo.

Preocupábase da saúde da xente que tiña arredor. Ela era a que descubría a falta de gafas, ou unha dislexia, ou un catarro demasiado longo, …. Avisaba ós pais con seriedade e facíanlle moito caso. Era tremendamente responsable.

Viva tamén namorte

Cando morreu Franco e deu os seus primeiros pasos a democracia explicou ós seus alumnos a importancia deste cambio. Xa impartía as clases na súa vivenda, na planta alta da escola. As súas perniñas fallábanlle. Tiña unhas chagas que non se curaban nunca, azuzadas pola diabete. Os alumnos collían a súa silla no descanso das escaleiras. Cada un sabía onde se tiña que colocar. Todos arredor dela, que se sentaba nunha silla de mimbre, cunha mesa redonda diante. Aquel día, os pequenos pararon e escoitaron, quizais por primeira vez, falar de política, política con letras maiúsculas. Dna. Carme falaba en castelán sempre. La democracia es una forma de gobernar los pueblos, dixo, máis ou menos. La palabra procede de las voces griegas demos, que significa pueblo, y kratos que significa poder. Es pues, el poder del pueblo. Todos moi atentos, e despois contaron o que oíran nas súas casas, explicando ás súas familias os novos tempos que viñan.

Moitos dos que tiveron que coller a maleta e ir polo mundo adiante, louban todo o que aprenderon con ela e a utilidade dos seus coñecementos á hora de “conquistar” o mundo. Recoñecen que o seu camiño sería moi diferente se non estivesen tan ben instruídos.

Moitas persoas gardan as súas “recetas” para non ter faltas, os seus esquemas para a análise de oracións, ou resolución de sistemas de ecuacións, lembran os recorridos dos ríos cantando, as letras dos villancicos que se aprendían polo Nadal, en fin, ese saber que é inmaterial pero que forma parte de nós.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Asociación Neira Marcos.