Vimianzo acode ás cifras de visitantes para reafirmarse como importante destino cultural

Cita teatral no Castelo de Vimianzo O turismo cultural situase en alza na comarca e Vimianzo avalía un grande aumento de visitantes ao seu patrimonio. Á espera do informe final a realizar ao remate do verán, actualmente obsérvase un incremento moi considerable de participantes nas actividades culturais organizadas dende o Concello. A fortaleza medieval – emblema de Vimianzo e monumento máis senlleiro- contabiliza o seu máximo histórico de visitantes durante o mes de xullo, superando os 4100 visitantes. Unha aposta semellante e perfectamente compatible coa que Zas e a Deputación tamén están a facer nas Torres do Allo, que tamén batían marca de visitas neste pasado mes de xullo.

Importante incremento de visitas ao Castelo

Durante o pasado mes de xullo o Castelo de Vimianzo sumou un total de 4107 visitas, isto significa un aumento de case un 30% con respecto ao mes de xullo de 2016, ano que a súa vez xa tiña superado todas as estatísticas anteriores con 3180 visitantes. As cifras sorprenden aínda máis se consideramos a ausencia de datos durante os días de celebración da festa do Asalto, cun Castelo absolutamente desbordado de xentes, para poder ofrecer un reconto fidedigno.

Didáctica e artesanía

O aumento de visitas ao Castelo semella continuar unha liña constante e ascedente especialmente definida dende o inicio do programa de visitas escolares o pasado inverno, de feito son os servizos de didáctica – as visitas guiadas e as teatralizadas- un dos principais reclamos do Castelo. Asemade, a artesanía encargada de encher de vida o interior dos vellos muros, contribúe con variadas e diversas actividades: exposicións temáticas ou obradoiros abertos, a dinamizar unha fortaleza máis animada que nunca.

O Patrimonio Cultural

Cada fin de semana o turista atraído por este tipo de propostas de turismo cultural baseado no patrimonio, poderá participar de interesantes visitas culturais, alén das habituais ao Castelo ou o Conxunto etnográfico do Mosquetín, cada fin de semana é unha oportunidade de achegarse a un recanto distinto.

Visita aos Pazos: Este sábado a partires das 11:30 e co gallo das festas patronais a protagonista será a propia vila, cunha visita urbana para coñecer máis de cerca lugares tan señoriais como os pazos de Trasariz ou Trasouteiro, así como outras edificacións máis vinculadas a vida común e a cultura popular da vila como o muíño da Agra. O éxito da saída aos Pazos de Zas corrobora que é unha boa aposta. Tamén durante a mañá do sábado, a Asociación do Santiaguiño de Carreira fará un demostración moi especial do seu bo facer textil no patio de armas do Castelo, que promete ser tan animada como dictan as festas. A noite do luns, véspera de festivo, o Castelo volverá a abrir as súas portas a intempestivas horas para asomarnos á historia a través dunha visita teatralizada na que a suposta pantasma do poeta Evaristo Martelo servirá de guía nun itinerario moi diferente ao convencional e cheo de encantos como resulta contemplar a propia fortaleza iluminada.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).