Vimianzo acolle este sábado o primeiro Trofeo Amigable Terra de Soneira de patinaxe artística
Este sábado, 22 de novembro, o pavillón do CEIP de Baíñas será o escenario do primeiro Trofeo de Patinaxe Artística de Vimianzo, unha cita moi agardada que reunirá a preto de 90 participantes procedentes de diferentes clubs da comarca e outros lugares a partir das 11:00 horas.
Entre eles, destacan os 19 patinadores e patinadoras do Club Lubiáns de Vimianzo, anfitrión do evento, así como outros 13 representantes do club de Carballo, xunto con deportistas doutras entidades que tamén se sumarán a esta xornada deportiva.
O trofeo supón un fito para o municipio, xa que é a primeira vez que Vimianzo organiza unha competición oficial de patinaxe artística, un deporte en pleno crecemento e con cada vez máis persoas en formación que deciden incorporarse a esta disciplina.
O público poderá gozar dos bailes individuais dos patinadores e patinadoras de diferentes categorías, que mostrarán as súas coreografías e o traballo realizado durante toda a tempada.