Vimianzo acondicionará unha área para caravanas na contorna do campo de fútbol

Traballos de mellora da pavimentación de Cereixo
  • A Deputación realizará unha senda peonil en Tufións

Semanas activas arredor das infraestruturas vimiancesas.

Por un lado, o Concello continúa cos traballos de recuperación, mantemento e limpeza de todos os núcleos do municipio. O tenente de alcalde, Víctor Muíño, visitou os traballos de pavimentación no núcleo de Cereixo e as limpezas que se están acometendo na parroquia de Salto. A estes traballos únese a recuperación dos antigos xardíns, como os da parroquia de Salto.

Mentres, o Concello está a preparar a contorna do campo de fútbol para habilitala como área de autocaravanas, dando resposta ao incremento na demanda do turismo itinerante. Entre os traballos que se executarán atópanse a dotación de puntos de auga para dar abastecemento ás persoas usuarias, a limpeza e a colocación de sinalización para a correcta ubicación da zona.

Ademais, o pasado venres recibían a visita do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e do deputado de Obras José Manuel Pequeño, para analizar o investimento de case medio millón de euros na novas sendas peonís na DP 1603 en Tufións (Vimianzo). As obras foron aprobadas no pleno deste venres e suporán unha importante mellora da seguridade para os viandantes. As obras executaranse no tramo que discorre entre os puntos quilométricos 2+850 e 3+480, e dotarase ao tramo de novo sistema de alumeado público, soterrando as liñas aéreas actuais e instalando 16 novas luminarias LED con soportes de 9 metros de altura.