Vimianzo comezou a conquista de FITUR

A alcaldesa de Vimianzo Monica Rodríguez en Fitur

Trala presentación de Camariñas, o seguinte en levar o seu nome a FITUR foi o Concello de Vimianzo. A rexedora Mónica Rodríguez presentou a súa nova campaña de promoción turística baixo o lema “Vimianzo. Comeza a túa conquista”, unha peza audiovisual que ten como obxectivo posicionar o municipio como punto estratéxico e enclave privilexiado desde o que descubrir a Costa da Morte. 

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinalou durante a súa intervención que “Vimianzo é un lugar para chegar, quedar e desde o cal comezar a descubrir todo o que pode ofrecernos a Costa da Morte. Queremos que quen nos visite sinta que este é o seu campamento base, un espazo acolledor desde o que conquistar a nosa comarca con tempo para gozar do que realmente importa.”

Tamén falou o delegado do goberno Pedro Blanco, que destacou o "turismo con ideantidade" que representa a capital Irmandiña.

O vídeo, cunha duración aproximada de minuto e medio, e cun ánimo próximo e enérxico, ten por obxectivo fundamental transmitir a idea de Vimianzo como “campamento base” e corazón da Costa da Morte, desde onde o visitante pode acceder comodamente aos principais destinos da comarca: Fisterra, Camariñas, Laxe, Malpica, entre outros. 
A través dunha narración inspiradora, a campaña convida a “conquistar” a experiencia da Costa da Morte sen présas, sen masificacións e coa autenticidade que caracteriza o territorio. A mensaxe reforza a imaxe de Vimianzo como un lugar tranquilo, acolledor e perfectamente conectado, ideal para gozar da paisaxe, da cultura e da gastronomía da zona.