Vimianzo conecta corazóns para combater a soidade non desexada
O Concello de Vimianzo poñ en marcha o programa “Conectando Corazóns”, unha iniciativa social pioneira, formulada en colaboración coa empresa Xeal, destinada a combater a soidade non desexada e o illamento social no municipio.
A presentación oficial deste programa terá lugar o xoves 25 de setembro, ás 12:30 horas na Casa da Cultura de Vimianzo, nun acto no que estarán presentes tanto a rexedora como a responsable da compañía enerxética, así como o equipo de Benestar Social, encabezados pola concelleira responsable da área, María José Pose. Neste acto será onde se detalle as diferentes actividades que inclúe esta iniciativa.
Precisamente a edil vimiancesa destaca que “Conectando Corazóns é unha ferramenta fundamental para dar resposta a unha realidade que está moi presente na nosa sociedade: a soidade non desexada. Desde Benestar Social sabemos que non só afecta ás persoas maiores, senón tamén a quen, por diversas circunstancias, carecen dunha rede de apoio próxima. Este programa vai permitirnos estar máis preto, detectar antes as situacións de vulnerabilidade e acompañar ás persoas no seu día a día, que é o que realmente marca a diferenza”.
“Estamos convencidas de que esta iniciativa vai fortalecer o tecido comunitario de Vimianzo e contribuír a que todas e todos teñamos unha vida máis plena, baseada na compañía, na proximidade e no afecto”, incidiu Pose.
Un reto social de primeira orde
A soidade non desexada é xa considerada un dos grandes desafíos sociais do noso tempo. Diversos estudos sinalan o seu impacto negativo tanto na saúde física como no benestar emocional, situándoa mesmo como un factor de risco comparable ao tabaquismo ou ao sedentarismo. As persoas maiores e aquelas que residen en zonas rurais ou pouco poboadas son especialmente vulnerables, e
precisan do acompañamento comunitario para manter unha vida plena e activa.