Vimianzo despide as Escolas Municipais de Teatro con risas, emoción e solidariedade
As escolas municipais de teatro de adultos despídense deste curso con dúas representacións cheas de humor, emoción e solidariedade. As entradas para as súas funcións, que terán lugar o 31 de maio e o 1 de xuño, teñen un prezo simbólico de 3 euros e poden adquirirse a través da plataforma online Woutick.
Todo o recadado será doado á Asociación Española contra o Cancro, polo que desde o Concello animan a toda a veciñanza a participar nestes eventos.
O sábado 31 de maio, ás 20:30 horas, representarase ‘Milagre no Convento’, unha divertida peza que trasladará ao público ao convento de Santa María, onde a difícil situación económica da congregación cambia coa chegada dunha nova irmá e as súas ideas de negocio. Unha historia chea de situacións disparatadas coa que as risas están aseguradas.
O día seguinte, domingo 1 de xuño, ás 19:00 horas, será a quenda de ‘Un alto no camiño’, unha obra ambientada nos anos 40 nun misterioso cruce de camiños no monte. O encontro entre personaxes tan dispares como un marqués, un aspirante a bandido, un grupo de carpideiras ou unha pantasma dá lugar a unha mestura de emocións que vai desde a comicidade ata a tenrura.