Vimianzo estrea un novo camión grúa
O Concello de Vimianzo recibía onte un camión grúa adquirido grazas a unha achega da Xunta de 130.000 euros, aprobada ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo destinado a apoiar os concellos na mellora do medio natural, que tamén inclúe a
adquisición dunha minicargadora de oruga de goma, que tiveron un coste total de máis de 177.000 euros.
O Concello recibirá tamén en breve unha minicargadora de orugas, dous vehículos que permitirán acometer traballos de limpeza, retirada de árbores e restos vexetais, mantemento de camiños, pistas forestais e zonas verdes, así como actuacións preventivas fronte a incendios forestais.
A compra destes vehículos ademais de outorgar unha maior manobrabilidade á hora de levar a cabo os traballos, debido aos diversos complementos que teñen, permitirán unha redución do impacto ambiental nos traballos de conservación.
O camión grúa dada a capacidade do seu volquete facilita o traslado de elementos pesados para a reforestación, e permite transportar materiais sen necesidade de múltiples viaxes, reducindo as emisións de CO2 e a alteración de hábitats sensibles.
A minicargadora de oruga ten menor compatación do solo en comparación con outras equipas pesadas, o que protexe a vexetación. Ademais, é ideal para abrir sendeiros ecolóxicos sen danar a flora circundante, restaurar terreos degradados ou realizar movementos de terra controlados para evitar erosión. Dados os seus complementos, como unha desbrozadora, cazo cargador, portaforcadas e cucharón barredor é posible a eliminación de vexetación seca e matorrais en zona de risco, reducindo a posibilidade de incendios forestais e favorecendo a rexeneración natural. Tamén se contribúe ao mantemento de hábitats e prevención de pragas que afectan á biodiversidade