Vimianzo estrea o seu Museo-Guía Virtual das Paisaxes Costeiras
O concello de Vimianzo conta desde onte cun novo servizo de divulgación cultural e turística, o 'Museo – Guía Virtual das Paisaxes Costeiras de Vimianzo', que se estrea para promover a valorización e sensibilización social do seu patrimonio marítimo. Falamos dunha web con fermosos contidos da paisaxe vimiancesa.
A web xa está accesible e presentouse onte na Casa da Cultura de Vimianzo, nun acto ó que asistiron o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos; o xerente do Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte, Guillermo González Diez; e o director da empresa Trivium ECT, que realizou o proxecto, César Abella Vázquez.
A guía virtual supón a visualización do territorio e dos seus recursos como nunca antes fora posible: a través de fotografías interactivas 360º de alta definición (HD), a aplicación ofrece información histórica sobre cada un dos 16 puntos de interese seleccionados para o proxecto que teñen lazos coa identidade marítima do municipio. Deste xeito, a liña de costa de Sabadelle na parroquia de Carantoña, ou a parroquia de Cereixo son algúns dos espazos protagonistas.
O proxecto está financiado pola Unión Europea, o Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Concello de Vimianzo dentro do proxecto xenérico 'Do mar á Terra’.
Máis información
Novas relacionadas
- Novos obradoiros gastronómico-empresariais en Vimianzo para maio.
- Vimianzo prepárase para viaxar no tempo a través do padal.
Fonte
- Concello de Vimianzo.