Vimianzo fainos abrir os ollos ante a violencia de xénero

O Concello de Vimianzo presentou hoxe a campaña deste 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, coa que pretende implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero e contribuír a que a veciñanza “abra os ollos” ante esta realidade.

A iniciativa, impulsada pola concellería de Igualdade ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, conta coa colaboración dos centros educativos e do comercio local, co obxectivo de facer partícipe á veciñanza de diferentes idades.

A campaña céntrase na elaboración de mensaxes simbólicas por parte do alumnado dos centros. Cada neno e nena escribirá unha frase directa, clara e concisa que transmitiría a unha persoa que estea sufrindo violencia de xénero. O obxectivo é reflectir unha mensaxe que sirva para axudarlles a abrir os ollos e tomar conciencia da necesidade de non quedar inmóbil ante esta lacra.

Estas mensaxes serán introducidas nunha pequena bolsa, acompañadas dunha pulseira, que simboliza o compromiso da sociedade coa igualdade.
Durante o propio 25 de novembro, un grupo de rapaces e rapazas entregará estas bolsas aos 38 comercios locais adheridos á campaña. No marco desta acción, o alumnado explicará nos establecementos o proceso de creación das mensaxes e o que significa esta data. Posteriormente, os comercios repartirán as bolsas entre os seus clientes, contribuíndo así a difundir as mensaxes por todo o municipio.

“Queremos que esta campaña sirva para facer ver que a violencia de xénero é unha lacra coa que debemos acabar entre todas e todos, e para iso é preciso abrir os ollos e ser consciente de que vai moito máis aló dos golpes”, sinalou a concelleira de Igualdade, María José Pose. 
A edil sinalou que “a implicación dos centros educativos e do comercio local demostra que, colaborando, podemos chegar a todas as idades e a moitos máis espazos”.