Vimianzo lembrou a ocupación do Castelo en 1936

Máis de medio cento de persoas déronse cita na tarde do venres na Casa da cultura de Vimianzo para asistir á charla sobre os sucesos ocorridon an vila no ano 1936. O historiador Emilio Grandío contextualizou os sucesos do ano 36 basseándose nos resultados das eleccións en Vimianzo do periodo republicano e nas declaracións recollidas nos Consellos de guerra posteriores. Bernardo Maiz centrouse en explicar os sucesos de expropiación e ocupación do Castelo por parte do Goberno municipal de 1936 tamén ao abeiro das declaracións recollidas nos expedientes posteriores. Das súas explicacións e dos datos tirados dos expedientes, pódese concluír que a toma de posesión do Castelo por parte do Goberno municipal de Vimianzo do no 1936 ocorreu dunha maneira pacífica, limitándose ao izado das bandeiras e ao inventariado dos bens, pechándose a porta con chave ao saír. Pola contra a ocupación do Castelo polos sublevados o día 25 de xullo si que pode ser cualificada de violenta, pois incluso abriron a porta a tiros. Carlos Aimerych analizou dende un punto de vista legal o expediente de expropiación do Castelo. Ao abeiro das explicación do profesor Aimerych puidose comprobar que o Castelo foran expropiado ao abeiro da legalidade e non ocupado nin incautado. Manuel Antelo, alcalde do Concello de Vimianzo, tivo un emocionado recordo para as veciñas e veciños represaliados durante a ditadura e anunciou que o seu goberno está traballando para mudar o nome da rúa principal de Vimianzo, chamada actualmente Blanco Rajoy. Ao final das intervencións houbo un turno no que os asistentes participaron contando algunhas das súas experiencias persoais e familiares.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).