Vimianzo, orgullo de Ser e Sentir LGBTIQ+

O Concello de Vimianzo conmemorou o Día do Orgullo LGBTIQ+ cun acto institucional no que a concelleira de Benestar Social, María José Pose, deu lectura ao manifesto institucional, acompañada polo alumnado e o equipo directivo do Obradoiro de Emprego CAMUVI Forestal, reafirmando o compromiso municipal coa igualdade, a diversidade e o respecto aos dereitos de todas as persoas.

Durante o acto tamén se fixo entrega dos abanos da campaña «Liberdade de ser e sentir», unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña para sensibilizar sobre a diversidade afectivo-sexual e de xénero e fomentar unha sociedade máis libre, igualitaria e inclusiva.

O Concello de Vimianzo forma parte desta campaña, á que está adherido xunto con outros concellos da provincia, participando nas accións de sensibilización e visibilización promovidas arredor do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+. A adhesión supón o compromiso de impulsar valores de respecto, igualdade e non discriminación, contribuíndo a facer de Vimianzo un espazo no que todas as persoas poidan vivir con liberdade e sen medos.

A través desta iniciativa, o Concello renova o seu compromiso coa defensa dos dereitos das persoas LGBTIQ+ e coa construción dunha sociedade máis xusta, diversa e inclusiva.