Vimianzo prepárase para a eclipse solar do século cun programa de charlas, observacións e experiencias
O Concello de Vimianzo presenta unha programación especial para achegar á veciñanza un dos fenómenos astronómicos máis destacados dos últimos tempos: a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto, un evento excepcional que non se repetirá en España en máis de 100 anos.
A iniciativa inclúe unha serie de actividades divulgativas pensadas para todos os públicos, combinando educación, ciencia e experiencia directa co ceo, ao tempo que promove o turismo astronómico e o recoñecemento de Vimianzo como destino Starlight, coa colaboración da Asociación Astroturismo da Costa da Morte.
O programa arrinca con charlas en centros escolares, que se desenvolverán na mañá do 17 de abril nas que o alumnado poderá descubrir que é unha eclipse, como se produce e como se pode observar con seguridade. Estas sesións terán un carácter didáctico, participativo e adaptado ás diferentes idades.
Pola tarde ás 19:00 horas celebrarase unha charla aberta ao público xeral, na que se explicarán de maneira clara e accesible as claves deste fenómeno astronómico e as recomendacións para a súa observación segura.
A xornada completarase cunha observación nocturna guiada, con pases ás 22:00 e ás 23:00 horas, no miradoiro de San Bartolo na parroquia de Salto. Durante a actividade, as persoas asistentes poderán observar a través de telescopio os principais obxectos do ceo nocturno e realizar un percorrido polas estrelas e constelacións máis destacadas, acompañadas das súas historias e mitoloxía.
Todas as actividades estarán impartidas por Javier Ares, experto en astronomía e fundador de Polaris Menorca, cunha ampla traxectoria na divulgación científica e na promoción do ceo nocturno como recurso cultural e natural, e coa colaboración da Asociación Astroturismo da Costa da Morte.