O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña - Ovidio Rodeiro - visitou onte a sede do Distrito Forestal V, situada en Vimianzo
Un dispostivo composto por 5.700 persoas - ao que hai que sumarlle o persoal de reforzo -, unha trintena de medios aéreos, 360 motobombas ademais de cisternas, pas e outros vehículos loitarán este verán contra os incendiosdentro do plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia - Pladiga -. Os datos facilitounos onte o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña - Ovidio Rodeiro - durante a súa visita á sede do Distrito Forestal V, situada en Vimianzo. Alí, fixo un chamamento a que toda a sociedade galega e as entidades e administracións con competencias na materia se involucren nas obrigas compartidas da prevención e defensa fronte os lumes forestais.
Na súa visita, o alcalde de Vimianzo - Manuel Antelo Pazos -acompañou a Rodeiro. No pasado xuño do 2016, a Consellería do Medio Rural asinou cos concellos o convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, un acordo que ten unha vixencia de tres anos, ata o 2018. O convenio ofrece aos concellos tres modalidades de colaboración: realizar actuacións preventivas mediante tratamentos mecanizados; dispor de brigadas para a prevención e a defensa contra incendios, e aportar vehículos motobomba ao despregue de medios na campaña do verán.
O concello de Vimianzo colabora nas tres modalidades sinaladas, e desprega este verán unha motobomba e dúas brigadas municipais de cinco compoñentes cada unha, que realizan traballos preventivos de rozas, así como tarefas de vixilancia e intervención na extinción de incendios forestais. En canto ás axudas para as comunidades de montes de man común, a Xunta destinou este ano máis de 8.600 euros a unha agrupación do municipio, que sumados aos máis de 77.000 de axuda directa ao concello completan un esforzo superior aos 85.000 euros.
O Distrito Forestal V comprende as demarcacións de Fisterra (Cee, Corcubión, Dumbría. Fisterra e Muxía), Terra de Soneira (Camariñas, Vimianzo e Zas) e Xallas-Muros (Carnota, Mazaricos, Muros e Santa Comba). Ovidio Rodeiro resaltou “a necesidade dunha maior implicación de todos os involucrados”. Sinalou que “estase a notificar a concellos, deputacións e organismos xestores de infraestruturas, como vías de comunicación ou redes de transporte de enerxía, que hai unha lei que cumprir”. Engadiu que “no ánimo da Consellería do Medio Rural non está sancionar sen máis, senón primeiro informar sobre as obrigas de cada quen”.
Incendios 2017