Vimianzo recuperou a súa Gala Solidaria recadando máis de 5000 euros

O Auditorio da Casa da Cultura do Concello de Vimianzo acolleu este domingo unha nova edición da Gala Solidaria organizada por Cáritas e Cruz Vermella en colaboración coa Administración local para axudar ás familias con menos recursos durante esta época do ano. Nesta ocasión, lograron recadarse un total de 5.316,75 euros; todo un éxito.

O xornalista Marcial Mouzo foi o encargado de conducir esta edición que se retomou tras dous anos de parón debido á irrupción pandemia da COVID-19.Foron centos as persoas que se achegaron ata as instalacións para reivindicar a necesidade de ser solidarios así como o papel realizado tanto por Cáritas como por Cruz Vermella en relación ao apoio que ofrece ás persoas máis desfavorecidas.

Durante o evento houbo tempo para as emocións, a música e a diversión grazas ás actuacións de Irma Macías, a charanga Pasarela Big Band, a Coral municipal de Vimianzo, as escolas municipal de pandeireta e música moderna, Soraya Lema,  Pepo Suevos e Danito Malabares.
Ao remate  da gala as persoas asistentes puideron degustar unha chocolatada de balde que tamén foi unha doazón.

Desde o Concello felicitaron o traballo desenvolto por todas as entidades e particulares implicados cunha mención especial a Rebeca Veiga, presidenta de Cruz Vermella; Carmen Vázquez, directora adxunta de Cáritas e Daniel Turnes, párroco de Vimianzo.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, tamén fixo fincapé na necesidade de prestar axuda a quen máis o precise e estar unidos porque “todos e todas compartimos un obxectivo común: traballar xuntos para que ninguén quede polo camiño”.