Vimianzo será por primeira vez unha das sedes do Festival Atlántica

Monica Rodríguez e Nieves Lema, na banda dereita, na Presentación do Festival Atlántica diante do Obradoiro con Jesús Penas e Sole Felloza

Vimianzo será, por primeira vez, unha das sedes do Festival Atlántica. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a técnica de Cultura, Nieves Lema, participaron esta mañá na presentación do programa completo da décimo terceira edición, que se vai celebrar entre o 28 de xuño e o 6 de xullo.

O municipio soneirán estrearase o domingo 29 de xuño cunha oferta dobre para o público adulto. Ás 19:30 horas realizarase unha visita guiada ao Castro das Barreiras da man de Ángel Concheiro. Deseguido, ás 20:30 horas, terá lugar, nese mesmo espazo, o espectáculo 'Contar para vivilo', de Cándido Pazó.

Xa en xullo, o mércores día 2, os máis pequenos e pequenas da casa serán os protagonistas. O Castelo acollerá unha dobre representación de 'Procúrase Pepa a Loba', de Cris Collazo, primeiro para a rapazada do campamento Vimiverán e logo para o público xeral.
As actividades son de balde e abertas ao público.