Unha xornada interxeracional en Vimianzo para combater a soidade non desexada

Continúa medrando proxecto interxeracional “A vida, o teu carón”, enmarcado na iniciativa “Conectando corazóns” do Concello de Vimianzo. Un programa que ten como obxectivo crear pontes entre a mocidade e as persoas maiores, poñendo no centro o seu benestar emocional e a loita contra a soidade non desexada.

Esta semana desenvolvéronse as xornadas máis significativas do programa, cun encontro entre as residentes da vivenda comunitaria municipal de Vimianzo e o alumnado do IES Terra de Soneira. Coordinados pola educadora social, Belén Fernández, participaron arredor de 30 persoas entre mocidade e maiores, compartindo espazos de conversa, dinámicas emocionais e actividades pensadas para fomentar a escoita activa, a empatía e o respecto mutuo. 

Un beneficio mutuo

A través destas sesións, hai un claro trasvase de amor. Por un lado, a mocidade recibe ferramentas para mellorar a comunicación e a comprensión da realidade das persoas maiores, ao tempo que as residentes da vivenda comunitaria poden expresar as súas lembranzas, emocións e vivencias, sentíndose acompañadas e valoradas. 
Deste xeito, “A vida, o teu carón” contribúe a reducir o illamento social, poñer en valor o legado vital e ético das persoas maiores e reforzar o tecido comunitario de Vimianzo.

A concelleira de Benestar, María José Pose, destacou que “con encontros como este entre a Vivenda Comunitaria e o IES Terra de Soneira demostramos que cando xeracións diferentes se miran aos ollos e se escoitan de verdade, toda a comunidade sae gañando, porque ninguén debería enfrontarse á soidade en silencio”.
O Concello de Vimianzo agradece a implicación do IES Terra de Soneira, da Vivenda comunitaria e de todas as persoas participantes, así como o apoio de XEAL, que fai posible este proxecto que conecta corazóns e constrúe unha sociedade máis xusta, cercana e humana.