A Xunta convoca os actos expropiatorios do Corredor e a ampliación do centro de saúde

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiro meses de maio, xuño e xullo dos actos expropiatorios para executar as obras de prolongación do corredor da Costa da Morte, no treito entre Santa Irena e a estrada AC-432, no concello de Vimianzo.

Ao tempo a Xunta, que ten licitados estes traballos por máis de 36 M€, avanza na fase de contratación desta obra, que recibiu 11 ofertas de empresas para levar a cabo a execución da prolongación da autovía.

Os actos para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para os días 28 e 29 de abril, na Casa de Cultura de Vimianzo (rúa A Braña, s/n, das 10.00 ás 13.00 horas. A formalización das actas de ocupación levaranse a cabo os días 30 de xuño e 1 de xullo, na mesma localización e no mesmo horario.

Centro de Saúde

Igualmente, tras unha reunión entre o conselleiro de Sanidade e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, abordouse a cesión, por parte do Concello, dos terreos necesarios para poder levar a cabo a reforma e ampliación do centro de saúde, prevista na fase 2 do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria da Xunta.

A este respecto, e coa finalidade de poder avaliar se os terreos que propón o Concello de Vimianzo son axeitados para poder levar a cabo a ampliación do centro de saúde, os técnicos do Servizo Galego de Saúde realizarán unha visita en videiras datas para verificar se se adaptan ás características do futuro centro de saúde.