As 4 empresas que recibiron os premios “Tierra de Oportunidades 2026” do GDR

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte e CaixaBank fixeron entrega este sábado dos premios da convocatoria de emprendemento rural Tierra de Oportunidades, nun acto celebrado no Centro Sociocultural de Baio (Zas), coincidindo coa Asemblea Xeral Ordinaria da entidade. Ao acto asistiron unhas 40 persoas entre representantes das entidades e promotores premiados, socios e directivos do GDR.

Os galardóns recoñeceron catro iniciativas emprendedoras situadas nos concellos de Carnota, Coristanco, Vimianzo e Mazaricos, que destacan pola súa capacidade de innovación, xeración de emprego e contribución ao desenvolvemento do territorio rural. Cada un dos proxectos recibiu unha axuda económica de 1.000 euros e participará na fase nacional do programa Tierra de Oportunidades de CaixaBank.

Ana Trasariz recollendo o premio a mans de Rafa Suárez (Caixabank) e o alcalde de Zas, Lolo Muíño.

Os proxectos premiados foron:

  • Lyra (Resurgo, S.L.), en Carnota, unha startup tecnolóxica que desenvolve produtos dixitais baseados en intelixencia artificial e que aposta por achegar a innovación ao medio rural.
  • Centro de Día Nicoli (Centro de Día Nicoli, S.L.), en Coristanco, un servizo destinado á atención de persoas maiores e dependentes que destaca polo seu impacto social e pola creación de emprego na comarca.
  • Ana Trasariz (Ana María Antelo Quintáns), en Baíñas (Vimianzo), unha marca artesanal sostible que fusiona o deseño contemporáneo coa tradición téxtil galega, promovendo a identidade local e a produción responsable.
  • Air Fervenza (Aero Servicios T&J, S.L.), en Mazaricos, un aloxamento turístico singular que ofrece experiencias vinculadas á natureza e ao territorio, distinguido pola súa viabilidade e sustentabilidade.

Durante o acto púxose de manifesto a importancia de apoiar o emprendemento como ferramenta para dinamizar o rural, fixar poboación e crear novas oportunidades de futuro. Neste sentido, o programa Tierra de Oportunidades, busca fortalecer o tecido económico dos territorios rurais e dar visibilidade a proxectos con potencial de crecemento.

Tras esta fase comarcal, as catro iniciativas incorporaranse ao concurso formativo “El reto de Tierra de Oportunidades”, no que participarán máis de 220 emprendedores de todo o Estado. A través deste programa, organizado en colaboración coa empresa social Rural Talent, recibirán formación, mentorías e novas oportunidades para impulsar os seus proxectos e aumentar a súa visibilidade.

A xornada concluiu cunha degustación de pinchos para todas as persoas asistentes, nun espazo pensado para fomentar o encontro, o diálogo e o intercambio de experiencias entre os participantes.