O próximo luns arrinca a XII+I Semana Cultural do IES Maximino Romero de Lema; un proxecto educativo aberto e no que cada vez se implican máis axentes. As actividades levaranse a cabo en distintos espazos do centro e da vila.
O programa ponse en marcha o luns, 14 de maio, coas visitas de Lola e Cristinna, Dores Tembrás, membros de Íntegro, de Adega, dos organizadores dos Premios Fouciño. Ese mesmo día, o alumnado participará en diversos obradoiros que van dende a batukada até a cociña oriental.
O martes continúan as actividades no IES de Baio que culmina coa representación da obra de teatro "Mensaxe do mar: Maruxa Mallo", de Fantoches Bag, e á que asisitirá todo o alumnado do centro educativo.
E o día grande será o mércores, 16 de maio, un día de portas abertas no centro. A xornada arranca coa visita ás Torres do Allo e ao longo da mañá haberá varios obradoiros e outras actividades adaptadas a cada un dos cursos. E xa para pechar a programación volverá unha nova sesión do Ao Son Delas. Nesta ocasión, sempre que a climatoloxía o permita, a actividade será na Carballeira de Baio. Alí estarán as integrantes do grupo Habelas Hainas, a poetisa Luz Fandiño e Aurora Pérez García; unha veciña de Baio que falará das súas experiencias na emigración, vistas dende a óptica dunha muller.