A Semana Cultural do IES de Baio: Moito máis que regueifa

Obradoiro de regueifa no IES de Baio con Josinho da Teixeira

Declarados fans somos dos proxectos regueifeiros do IES Maximino Romero de Lema de Baio-Zas. E esta semana van indo moitas coplas, acompañadas de moito máis. Están inmersos na súa XII Semana Cultural, e corren ríos de música, teatro e obradoiros. Unhas xornadas que seguen a manter a filosofía lúdico-educativa coas que se orixinaron.

Onte arrincaban cun obradoiro de regueifa da man de Josinho da Teixeira, seguindo o fío do proxecto Regueifesta que os ten colocado no panorama cultural-escolar de todo o país. Como rimaron os baieses, xa todos uns especialistas na materia.

Obradoiro de regueifa no IES de Baio con Josinho da Teixeira

E máis que rimarán, con ritmos, cando este xoves sexan os míticos García MC e DJ MIL os que lles fagan pasar unha mañá poética e musical na Carballeira do centro. Unha cita, como a do venres (teatro “Falar sen Cancelas” protagonizada por Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei, no Auditorio de Baio), que será de portas abertas para toda a comunidade educativa.

Serán moitas máis as cousas que fagan durante esta semana, como aprender a manexar un dron, a imprimar en 3D, a facer poesía, a debuxar banda deseñada, e mesmo aprenderán portugués básico. Tamén farán un mural no exterior do centro e terán a oportunidade de asistir a unha escola de cine para adolescentes. Todo, para aprender facendo.

Novas relacionadas   Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)