Alejandro Gándara estrou na casa o seu documental sobre os Castelos da Costa da Morte
Hoxe sábado estará en Carballl (ás 20:00h no Espazo Sol de Carballo. Pero onte viviu a súa estrea. Falamos do documental ‘A Costa e os Castelos. Unha viaxe pola Costa da Morte’, dirixido por Alejandro Gándara Porteiro, que, co seu Premio Mestre Mateo por Curcas 360 no armario, quixo escoller a súa casa, o concello de Zas, concretamente as Torres do Allo, para facer a estrea oficial do seu novo traballo.
O acto contou coa presenza da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; do alcalde de Zas, Manuel Muíño; e do propio director do documental, Alejandro Gándara, que interveu durante a presentación da obra.
"A Costa e os castelos", realizado en 2026, é un documental de 30 minutos de duración que destaca pola súa coidada factura técnica e narrativa. O proxecto foi premiado no III Certame ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia’ da Deputación da Coruña, o que avala o seu valor cultural e divulgativo.
O documental propón unha viaxe pola Costa da Morte a través dos seus castelos, torres e pazos, explorando o pasado e o presente destes lugares para compoñer un relato que combina a investigación histórica cunha ollada curiosa cara á nosa relación co patrimonio.