Alertan das mil deficiencias do CPI de ZAs
Cubos e cubetas amontónanse polos corredores do CPI de Zas. A situación de humides, pingueiras, musgos… é dificilmente sostible, e provoca que a rapazada estea estudando en condicións críticas para a saúde.
Así o denuncia o PSdeG-PSOE, que levou unha denuncia ao Parlamento de Galicia sobre o "estado lamentable" do CPI de Zas, rexistrando unha iniciativa parlamentaria para esixir solucións a esta problemática por parte da Xunta de Galicia.
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias mantivo unha serie de reunións coa voceira socialista en Zas, Sheila Rial, na que a zaseira trasladoulle á deputada as reivindicacións da ANPA do centro, que presenta goteiras e humidades entre outras deficiencias. "Os que somos nais e pais non queremos que os nosos nenos e nenas vaian a un colexio nun estado lamentable", sinala a deputada socialista. "O Concello de Zas é un gran esquecido para a Xunta de Galicia", engade.
A socialista lembra que o PP rexeitou as emendas presentadas polo Grupo Parlamentario Socialista para engadir investimentos en Zas nos orzamentos da Xunta para 2026, e indica así mesmo que, ademais do CPI de Zas, o CEIP Labarta Pose tamén presenta numerosas deficiencias.
”Non queremos parches, queremos que a Xunta de Galicia colla o touro polos cornos, que ten o orzamento necesario, e que faga esa reforma integral que vén reclamando desde fai moitos anos a comunidade educativa", conclúe, lembrando que a Xunta xa confirmou un proxecto de reforma integral para o veciño CEIP Labarta Pose.