A Asociación de Empresarios da Comarca de Soneira abre un prazo de 15 días para a posible formación dunha nova directiva
A Asociación de Empresarios da Comarca de Soneira celebrou este martes unha Asemblea Xeral Extraordinaria Urxente no local sociocultural de Baio, coa finalidade de abordar a situación actual da entidade, que leva máis de dous anos e medio sen directiva formal tras a dimisión do anterior equipo.
A actual xunta xestora, que viña asumindo funcións de carácter temporal e administrativo, convocou esta reunión co obxectivo de acordar a disolución da asociación e a cesión do local situado no Polígono do Allo ao Concello de Zas, ante a imposibilidade de atopar persoas dispostas a asumir o relevo e garantir a continuidade da entidade.
Durante a sesión, tras expoñer a situación económica e o marco legal que regula a disolución das asociacións sen ánimo de lucro, os socios e ex-socios fundadores presentes decidiron por maioría simple abrir un prazo de 15 días para que poida xurdir unha nova directiva interesada en continuar coa actividade da Asociación.
A próxima reunión quedou fixada para o martes 21 de outubro ás 21:00 horas, tamén no local sociocultural de Baio, onde se valorará se se presentan candidaturas para asumir a dirección da entidade ou, no seu defecto, se retoma o proceso de disolución.
A actual presidenta en funcións, Tatiana Rellán, reiterou a súa dimisión irrevogable, argumentando que a súa condición de portavoz e concelleira do BNG en Cabana de Bergantiños é incompatible coa presidencia dunha asociación empresarial sen ánimo de lucro, xa que este tipo de entidades deben manterse alleas a ideoloxías políticas. Ademais, dous dos membros que integraban a antiga directiva xa non son autónomos, o que tamén imposibilita a súa continuidade, e o resto dos integrantes rexeitaron expresamente formar parte dunha nova directiva.
A xunta xestora subliñou que, se non xorde un novo equipo directivo neste prazo, na reunión do día 21 retomarase a proposta de disolución definitiva da asociación e cesión do local ao Concello de Zas, garantindo así un uso social e comunitario das instalacións.