"A Brandomil Romana", unha exposición sobre o Patrimonio Cultural de Brandomil

As Torres do Allo acolle esta mostra, que se inaugurará o 31 de xullo ás 16:00 horas.

Continúan as actividades culturais no pazo máis antigo de Galicia, nesta ocasión as Torres do Allo presenta unha exposición centrada no pasado romano de Brandomil. Un pasado que segue soterrado e que só, ás veces, emerxe coas escavacións arqueolóxicas e coas investigacións.
Dende ben antigo ese pasado romano foi obxecto de estudo. As primeiras investigacións datan do século XVIII, e continuaron no tempo ata os traballos máis recentes a cargo de Fermín Pérez, Juan Naveiro, María Loira ou Lino Gorgoso.
A exposición está formada por sete paneis explicativos e complétase coa proxección do documental "Brandomil, vila romana a carón do Xallas" da Fundación Brandomil.
A Concellaría de Cultura do Concello de Zas, en colaboración coa Deputación da Coruña e contando coa participación da Fundación Brandomil, organiza esta exposición titulada "A Brandomil Romana". A inauguración correrá a cargo do Alcalde de Zas, Manuel Muíño, o vindeiro 31 de xullo ás 16:00. A exposición poderá visitarse todos os días ata o 15 de setembro, no seguinte horario: de luns a venres de 11:00 a 20:00, de sábado a domingo de 11:00 a 21:00. A entrada é libre e de balde, mais é obrigatorio o uso de máscara.