Celso Sanmartin pechou con contos o Mes do Patrimonio das Torres do Allo

Celso Sanmartin nas Torres do Allo

Sábado para recordar este nas Torres do Allo, cunha completa xornada que serviu para rematar o programa O Mes do Patrimonio, organizado polo concello de Zas. Tarde de xogos tradicionais memorables acompañados de castañas e a música da asociación cultural Adro, ademáis de obradoiros e demostracións de cestería con Ramiro de Vilaestévez e de fiado de liño coa asociación de Amigos do Liño de Zas.

Ademáis de rememorar o xogo da ra, as chouchas e as carreiras das tartarugas entre outros xogos coa colaboración do Melga-Museo Etnolúdico de Ponteceso, puideron participar nunha actividade con Trenzarte xente de todas as idades para aprender o proceso do trenzado de palla e levarse un recordo do traballo que realizaron.

O peche foi da man da sesión de contos de Celso Fernández Sanmartín, que fixo as delicias dos participantes ao calor da lareira.