O Colexio de Xornalistas e a Deputación loitan contra a desinformación dende os Institutos

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio recibiu esta semana unhas sesións moi necesarias nesta era da desfinformación. Mentres comezan a usar as redes sociais, o centro apuntouse a unha serie de obradoiros artellados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), co financiamento da Deputación. 

A decana do Colexio Belén Regueira Leal, e a deputada da Área Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra Tuñas, visitaron o centro, acompañadas pola directora do centro, Ana Facal Maroñas, para saudar no marco dun taller impartido polo xornalista Pedro Costa Manteiga, para introducir as e os escolares na importancia de combater a desinformación con alfabetización mediática. 

Pedro Costa, Ana Facal, Belén Regueira e Sol Agra

A decana do CPXG agradeceu á area de dereitos civís da Deputación da Coruña "por entender a imporntancia de trasladar aos centros escolares iniciativas como esta contra a desinformación", e asegurou que "é moi importante que as institucións promovan encontros deste tipo para que poidamos insitguir verdade da mentira, como aire limpo para respirar". Pola súa banda, Soledad Agra afirmou que "ante a desinformación, os bulos e as fake news coas que por desgraza convivimos neste momento, é máis necesario ca nunca reivindicar a verdade e verificar a información", e por iso apoian desde a Deputación "iniciativas como esta que promoven algo esencial: a conciencia crítica entre a rapazada".

A continuación, o xornalista Pedro Costa impartiu ao alumnado de terceiro da ESO un obradoiro no que os introduciu na forma en que se desenvolven e espallan as noticias falsas, fornecéndoos tamén de instrumentos para detectala mellor e contribuír a combatela. Costa ten liderado e formado parte de equipos de comunicación e de redes sociais de diferentes entes municipais, provinciais e autonómicos, ademais de pasar pola radio e o mundo da música e colaborar en varios proxectos formativos a prol da comunicación e o diálogo.

Nesta fase, grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. liderada por Soledad Agra, un total de vinte talleres chegarán nos próximos meses a dez centros de ensino secundario da provincia da Coruña. O seguinte obradoiro contra a desinformación celebrarase o vindeiro luns 24 de marzo ás 8:30 no IES de Curtis.