O Concello de Zas e a ANPA e a Dirección do CEIP Labarta Pose esixen prazos concretos para a prometida rehabilitación integral

Reunion da ANPA do Labarta Pose co alcalde de Zas

Saltaba a semana pasada, ao ver os investimentos da Consellería no CEIP Areal de Camariñas, a ANPA Labarta Pose de Baio e o Concello de Zas, ante a falta de concreción da promesa realizada hai dous nos sobre a reforma integral do centro baiés. Rapidamente, e aproveitando unha visita a Zas, o Conselleiro de Educación Román Rodríguez aseguraba que a partida estaba reservada.

Ante esta nova situación, Concello, ANPA e a dirección do centro mantiveron unha reunión para consensuar unha posición común ante a Xunta. Todos concordan na necesidade dunha reunión presencial co Conselleiro de Educación, xa solicitada con carácter urxente desde a Alcaldía de Zas, na que se confirmen os prazos para o remate do proxecto e a licitación da obra.

"Consideramos que o anuncio de Román Rodríguez nos medios é, unha vez máis, vendernos fume para que deixemos de facer presión mediática, xa que hai máis de dous anos que adquiriron o compromiso de levar a cabo a rehabilitación integral do colexio e seguimos no mesmo punto. A visita dos técnicos da Xunta para redactar o proxecto realizouse xa no ano 2023, consideramos que desde aquela houbo tempo suficiente para ter redactado o proxecto e publicada a licitación", denuncian dende o Concello.

Mentres agardamos pola resposta do Conselleiro ao respecto da reunión solicitada, na tarde de onte acordáronse unha serie de medidas que se levarán a cabo nas próximas semanas. "Non imos parar ata que teñamos un compromiso por escrito dos prazos de licitación da obra".

Máis novas