Denuncian a perda do investimento do POS pola mala xestión do goberno municipal de Zas

Práctica habitual nos Concellos é a de utilizar fondos da Deputación para os seus gastos correntes. Un xeito de manter unhas contas saneadas a cambio de realizar novos investimentos. O problema é que certas subvecións deberían ter como obxectivo principal precisamente as novas infraestruturas.

É o caso do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación, que moitos concellos utilizan para "sufragar o exceso de gasto municipal en determinadas actividades que o único que perseguen é o populismo do señor Muíño”, como neste caso denuncia o PP de Zas.

O grupo da oposición lamenta que os "veciños do municipio perderán a metade da achega do do Plan de Obras e Servizos, un total de 146.985,34 euros, debido á mala xestión do goberno local de Manuel Muíño".

“En lugar de utilizar estes cartos para obras, temos que destinalo a sufragar o exceso de gasto municipal en determinadas actividades que o único que perseguen é o populismo do señor Muíño”, subliñou o voceiro popular David Brandariz, quen utilizou este argumento para defender o voto en contra da súa formación na aprobación do POS no pleno celebrado o paso día 18 de decembro.

Por outra banda, o grupo popular de Zas abstívose na aprobación do Plan de Asistencia Social (PAS) da Deputación da Coruña debido a que, tal e como explicou Brandariz, esta partida debería destinarse a sufragar investimentos en actividades sociais, en lugar de pagar obras como plantexou o goberno local.

Sen noticias dos orzamentos

Así mesmo, o portavoz dos populares aproveitou para poñer sobre a mesa o feito de que o concello continúe sen presentar os orzamentos para o próximo ano. "Estamos á espera de que nos digan algo, pero igual avísannos 24 horas antes e por teléfono, igual que fixeron co pleno para aprobar o POS e o PAS”, afirmou Brandariz.

Fonte

  • Nota de prensa do PP de Zas.