O Entroido das Torres do Allo resucita ás Gárgolas
O día 1 de Marzo o pazo máis antigo de Galicia celebrará o Entroido cun divertido obradoiro de balde para nenas e nenos, que estará organizado polo Concello de Zas coa colaboración da Deputación da Coruña.
Esta actividade terá lugar no interior do pazo ás 12:00h do mediodía e nela poderán participar nenos e nenas de 4 a 10 anos, elaborando a súa propia gárgola con materiais sinxelos como cartolina para a estrutura da cara, vasos reciclables para os fociños, e papel celofán para detalles como lume ou a auga.
Os participantes crearán seres fantásticos inspirados nos que decoran a fachada do pazo e dan a benvida aos visitantes e poderán empregalos para gastar bromas na festividade do Entroido.
Ademais do obradoiro estarán dispoñibles as exposicións “As Torres tal como eran” e “Zas na ollada dos Vidal” onde se poderán rememorar os tempos das Torres do Allo antes da restauración e de Zas na década de 1910 ata a década de 1980. Tamén están dispoñibles as visitas guiadas ás 13:00h e ás 17:00h e un xogo de pistas para os máis pequenos e pequenas.
Todas as actividades son gratuítas e para participar no obradoiro será preciso inscribirse previamente nos Centros Socioculturais de Zas ou Baio (981 751 398 / 981 718 056) ou no mesmo correo das Torresdo Allo (info@torresdoallo.gal). As prazas son limitadas.