A familia de Fornelos prepara o seu 20º aniversario cunha Festa da Fonte salpicada polo proxecto mineiro
Este é o 20 aniversario da creación da Asociación, polo que a familia de Fornelos está de festa. Este domingo 2 de agosto a aldea zasense celebra a Festa da Fonte. De feito, a xornada sabatina xa será de convivencia, de traballo comunal, montando as mesas, a cantina… para deixalo todo listo para esa fermosa merenda familiar.
Con todo, este ano a romaría está marcada polo permiso mineiro Jorge Reyes. “Sentímonos un pouco indefensos, a verdade”, sinala Rosa María García, que recoñece ao mesmo tempo que teñen a favor que os alcaldes dos tres concellos (mesmo de diferentes cores políticas) se implicaron de forma conxunta. “Xa enviamos un recurso de reposición que viu denegado, pero a unión veciñal seguirá loitando”. ”Somos unha aldea que vivimos da gandeiría e agricultura, e xa son as catas a 50 metros das casas son un despropósito”, critica. Polo de pronto moitos veciños participarán na reunión convocada este xoves pola Plataforma en Defensa de Coéns.
Con todo, sabe que o factor reivincativo non vai senón sumar un punto máis de emoción á romaría. A aldea de 60 casas, prepárase así para recibir tamén moita xente que a día de hoxe vive fóra, pero que ten un vínculo inexcrutable co lugar.
Este ano, dende a Asociación teñen preparado unha revista na que entre outras cousas repasa sobre a historia dos canteiros, e o seu legado: unha marea de hórreos. Ademais, achega unha pequena exposición de fotografías cos 20 anos da entidade. Non faltará, por suposto, a camiseta conmemorativa de cada ano.
A romaría arrincará co pasarrúas dos Farrapos de Cesullas (ás 13:00h), que dará paso ao pregón que este ano o dá Pepe Romar, un veciño de 85 anos. Ademais do dúo, despois chega o xantar, e ao remate unha pota enorme de café para todos, e as famosas chulas (mesmo unhas de arroz).
E despois tarde de xogos tradicionais, con carreiras de sacos e unha marea de diversión.