O GDR entrega os premios do programa “Tierra de Oportunidades”
A Asociación Costa da Morte GDR celebra o próximo sábado, 21 de xuño, a Asemblea Xeral Ordinaria da entidade. Esta terá lugar no Centro Sociocultural de Baio, e o seu inicio está previsto para ás 10:30 horas en primeira convocatoria e ás 11:00 horas en segunda convocatoria.
Entrega de Premios Convocatoria “Tierra de Oportunidades 2025”
No último punto da orde do día inclúese a cerimonia de entrega dos Premios “Tierra de Oportunidades 2025” prevista para as 12:00 horas, onde se recoñecerán os catro proxectos máis destacados no marco da convocatoria de 2025 deste programa, desenvolto pola entidade CaixaBank e o GDR Costa da Morte; unha iniciativa que busca visibilizar e apoiar ideas innovadoras que contribúan ao desenvolvemento social e económico do medio rural.
As catro iniciativas seleccionadas en Costa da Morte recibirán un premio de 1.000 euros cada unha e accederán directamente á fase nacional do programa “Tierra de Oportunidades” de CaixaBank, onde optarán a novos recoñecementos. Os proxectos gañadores foron seleccionados por un xurado no que estaban representados a Xunta Directiva e o equipo técnico do GDR, así como representantes da entidade CaixaBank. Estas iniciativas foron elixidas entre as candidatas segundo criterios de capacidade de crecemento e de xeración de emprego, innovación e impacto no territorio.
Na entrega participarán representantes institucionais, membros do tribunal de selección, así como as persoas promotoras dos proxectos finalistas. Este acto será un espazo para compartir experiencias, inspirar novas iniciativas e poñer en valor o talento local.