O IES Maximino Romero de Lema presentou o proxecto "Xogando co noso legado" na Maker Faire Galicia 2025

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema estivo na última edición da Maker Faire Galicia, celebrada este sábado 14 de xuño en Área Central de Santiago de Compostela. Os estudantes de ciclo medio: María, Jorge e Mar, xunto coa alumna de 3º da ESO Leticia, foron os encargados de presentar o proxecto educativo "Xogando co noso legado", unha iniciativa que fusiona tecnoloxía e patrimonio cultural a través da gamificación e que demostra a aposta pola innovación educativa do centro baiés.

O xogo, deseñado como un taboleiro serigrafiado que percorre o río Miño e a Costa da Morte, emprega tecnoloxías como NFC, acloud computing, intelixencia artificial, xeolocalización e realidade aumentada para difundir a historia, xeografía, tradicións e biodiversidade galegas. Segundo explicaron os alumnos, o obxectivo é "valorar e preservar o noso patrimonio mesturando o antigo co moderno" un exemplo do potencial educativo dos Polos Creativos. 

A súa participación encheu de orgullo á comunidade educativa do centro, que viu recoñecido o seu esforzo nun dos eventos máis salientables de innovación.

A Maker Faire Galicia 2025, organizada por Design Thinkers and Makers está apoiada nesta edición pola Xunta de Galicia e o Concello de Santiago para fomentar o emprendemento.
O encontro reuniu a máis de 45 proxectos creativos, talleres de robótica, realidade virtual e charlas sobre inclusión laboral ou intelixencia artificial na educación . Ademais, o evento pechou cun espectáculo do ilusionista Joshua Kenneth, premiado internacionalmente, que combinou maxia e tecnoloxía para celebrar a creatividade .